martes, 29 de decembro de 2015

PROPÓSITOS

Madrugar. Madrugar todos os días.
Ver amencer, observar o xogo de luces tras as montañas do meu pobo.
Comer chocolate, comer chocolate a moreas. Comer chocolate como forma de vida.
Voar. Aprender a voar coas ás danadas.
Tirarme en paracaídas. Quizais non o cumpra, pero é un dos meus maiores soños.
Esquiar. Viaxar a Andorra e aprender a esquiar. Pode que a experiencia non salga ben, pero pode que si.
Nadar. Nadar moito, nadar sempre que teña a oportunidade.
Ver peixes, observar como nadan, como moven as súas aletas. Observar como viven.
Bucear con golfiños. É difícil que se cumpra, pero necesítoo.
Ter un can. Sempre quixen ter un can.
Visitar Tailandia. Sei que non se vai a cumprir, pero necesito incluílo nos meus desexos.
Coñecer a Jordi Rebellón. Parecerá raro, pero dende que chegou con Hospital Central, soño con chegar a coñecelo.
Ir a un concerto de Love of Lesbian, romper ventás, loitar contra xigantes, matar monstros por ti, escribir cartas a todas as túas catástrofes e crear universos infinitos con eles.
Escoitar moita música.
Debuxar todo o que necesite expor ao mundo.
Escribir. Plasmar en papel todas as ideas que se me ocorran.
Querer aos que están, e aos que non están pero estiveron.
Sorrir. Sorrirlle ao mundo, e a vida, que é bonita.
Ver películas e emocionarme con elas.
Ler. Ler moito, ler todo o que poida. Vivir historias que alguén imaxinou.
Soñar. Soñar moito. Soñar para vivir.
Pero ante todo, vivir.

luns, 14 de decembro de 2015

INVERNO

Foi un inverno longo, moi longo.
Un inverno no que as neves do xaneiro comezaron a caer antes de que o Nadal inundara os anuncios da televisión.
Foi un inverno que incendiamos xuntos, ti cos teus beizos bañados en desexo, e eu cos meus ollos cheos de amor.
Ese inverno no que cada sábado se reducía a amarnos fronte ao lume, ti en silencio e eu baixiño.
E o inverno pasaba, e o desexo cesaba.
E deixamos de agardar as fins de semanas coma os nenos agardan aos Reis Magos, e deixamos de querernos.
E ti desapareciches e eu perdinme na túa procura. Pero en realidade, prefiro non volver toparme con eses ollos que me cravaron o puñal máis dolorosos da miña vida.
E os días seguen pasando, e os sábados deixan de ter ese significado que nos decidimos engadirlle.
E véxote. Agora mesmo vexo que te acercas. E que me bicas. E que me intentas abrazar.
Non me abraces, que teño frío.