sábado, 27 de febreiro de 2016

COMBUSTIÓN



Ti non te fuches. Eu tampouco. Marchou o desexo, en busca de outras almas, con necesidade de amar.
Marchou aquela necesidade de arder. De querernos día e noite, pel con pel, observando a vida pasar.
Non quixemos, pero sucedeu. As sombras do pasado apareceron no pensamento dos dous. No pensamento… a enfermidade máis grave, a que te pode destruír en calquera momento.
Deixamos de soñar cos mesmos destinos, cos camiños que sempre quixemos percorrer collidos da man.
As mañás perderon o seu cheiro a chocolate, adquirindo outro. O do aburrimento.
Caer no aburrimento, no monótono… nos mesmos momentos día tras día… Nas mesmas conversas a cada hora…
E cando muda o desexo, o amor comeza a extinguirse. As palabras sentimentais de antes aparecen espidas, baleiras.
Mudou o desexo igual que a pel dos animais a finais do inverno.
Ardemos demasiado rápido. E iso foi o único importante.

xoves, 18 de febreiro de 2016

CÓLLEME DA MAN, E CORRE

Mirarte aos ollos. Observar todos os teus demos.
Acariciar as túas meixelas. E contar as pecas que xogan no teu rostro.
Observar os teus beizos. Observar o único doce comparable ás lambetadas que comía cando era nena.
Din que o que te salva é o único capaz de destruírte…
É verdade. Como eses bicos húmidos, fráxiles, con sabor a amencer de verán, me puideron empurrar ao abismo tan pronto…
Pedín que me colleras da man e correras. Pero corriches sen min. E sigo agardando a que veñas a buscarme.
Prometiches espertar sempre ao meu lado. E agora as pantasmas son as únicas que comparten a cama comigo.
E quero voar. Quero voar por enriba das nubes. E chegar as estrelas. E coleccionalas.
Pero so voei coas túas ás. Esta bolboreta perdeunas ao mesmo tempo que perdeu a cor do mundo que a rodea.

E neste mundo gris, so aparecen cores cando soño. Cando soño contigo. 

domingo, 14 de febreiro de 2016

FELIZ SAN VALENTÍN



Esquécesme.
Non me contestas ao teléfono.
Sempre tes cousas que facer.
Viches todas as películas do cine.
Non che gustan as miñas amigas.
Pero inda che gusta menos que vaia eu cos teus.
Prefires que nos queiramos en silencio.
Que todo sexa en segredo, que así é máis romántico.
Unha fin de semana xuntos sae moi cara.
Unha tarde na montaña non merece a pena.
Un amencer na praia é demasiado típico.
Vivir xuntos, demasiado formal.               
Chamarnos cada noite… necesitas o teu espazo.
Ir xuntos á universidade, moi ridículo.
Pero hoxe é distinto.
Apareces na miña casa as doce da noite, cun ramo de rosas vermellas. 14 de febreiro…
Feliz San Valentín.  

martes, 2 de febreiro de 2016

PINTAR SEN CORES

Imaxinar un mundo de cores nesta dimensión que continúa na escala de grises. E pintar, pintar todos aqueles soños que, cada noite, nos manteñen con vida.
Pintar a túa espalda, con todas esas pecas que brillan no universo. O perfil do teu corpo, cunha liña grosa e negra, que ao chegar ao teu pescozo se mesture cos trazos dos teus cabelos vermellos. E pintarme a min, recorrendo co meu dedo corazón todos os teus pecados.
Pintar un amencer dourado. Ti e eu, na praia, sentindo coma as ondas do mar empapan a nosa roupa. O meu vestido branco salpicado da area que contempla o noso amor. A túa camiseta pegada ao corpo, marcando os meus soños.
Pintarnos a carón do río, mentres a túa cadela nos rodea coa súa correa. E pintar como nos tira a auga: primeiro ti, e logo eu. E que a miña saia de flores, esa que merquei para a ocasión, se converta nunha tela de barro. Pero da o mesmo. Este cadro continua a ser perfecto.

Pintarnos a carón da cheminea da casa de meus país. Vendo a peor película da historia, na mellor compañía posible. Cada un coa súa cunca de chocolate quente, para combater o frío de primeiros de xaneiro. Comeza a sonar a nosa canción, a mesma que puidemos oír o día que nos coñecemos. E os dous, coma parvos namorados, miramos os rastros de chocolate que aparecen nos nosos narices.