luns, 30 de maio de 2016

ENTRE VERSOS DE AMORODO

Aquela era a mellor cafetería da cidade, unha mestura entre a literatura, o recendente aroma do café, e o sabor do té de froitos silvestres. Como cada xoves, os camareiros servían a consumición cun pequeno prato de amorodos.
Cando o camareiro do pelo longo me viu entrar no establecemento, comezou a preparar o meu té habitual, non fixo falta que lle recordara todas as miñas manías.
Xa estaba sentada nas cadeiras da parte de atrás, cando me serviu a consumición e as fresas. Sorriu e marchou, sen interromper o peculiar ambiente do lugar. E mentres observaba os lombos dos libros que cubrían as paredes, gozaba dos amorodos. Aqueles que perderan o seu doce sabor, pero que formaban parte do meu lugar.

luns, 23 de maio de 2016

ESTRELA DE PRATA

Lembras aquel día no que conseguimos saltar tan alto? Aquel día no que podíamos tocar as estrelas coa punta dos nosos dedos? Lembras como Ela baixou para arder con nós?
Aqueles instantes nos que se enredaba entre o meu cabelo, e ti intentabas collela para min… Pero nunca puidemos capturala, foi Ela quen nos elixiu a nós.
E os paseos polo parque, collidos da cintura, baixo o brillo constante dunha perfecta esfera de lume que se consumía sobre nós. As miradas dos nenos e nenas, a ilusión nos seus ollos ao ver a unha de tantas irmás da noite.
E a ilusión tamén residía nos beixos. Luces que aparecían baixo terra ao contacto dos nosos beizos. E como nos despegábamos do chan cada vez que os nosos dedos se cruzaban. Ese particular xeito de crear incendios coas nosas miradas.

luns, 9 de maio de 2016

SEGUNDAS OPORTUNIDADES




Esta mañá, mentres o xélido aire de inverno primaveral, pareime a pensar en ti. En ti e en min. No que puidemos ser, e no que non fomos.

Os dous quixemos matar a inexperiencia da adolescencia a tiros, pero digamos que apuntamos mal e disparámonos a nos mesmos. E perdemos o pouco sentido que tiñan as nosas vidas.

Nunca poderei esquecer a noite en decidimos darnos unha segunda oportunidade, de volver a saltar ao baleiro sabendo cal sería o final. Ese que volveu chegar, rompendo todo o que tanto nos custou construír.

Esa nosa forma de arder de ilusión e de amor, mirando a una estúpida pantalla que semellaba rirse de nós. Esa maneira na que nos volvíamos a dicir que nos amábamos, sabendo que non era certo. Que nunca nos amamos. Que en todo momento fomos dous egoístas en busca da propia felicidade.