xoves, 23 de xuño de 2016

CHEGARÁ, PARA SER O TEU CAOS



Chegará. Aínda que non queiras.
E chegará coas súas manías, cos seus vicios, coas súas historias, e coa súa maleta chea de doces envelenados.
Chegará para por a túa vida patas arriba, para ser o teu caos. E con el escribirás todas as páxinas do libro que aínda non remataches.
Atoparalo en todos os poemas: pasarás páxina e rematarás capítulos, pero continuará agochado entre pétalos de rosas.
Brillará, cada noite, a carón da Lúa para que o poidas ver. E darache una estrela que sempre te acompañe, para tinguir de luz o teu mundo.
Pero non será necesario, xa que o teu mundo pasará a ser el. E non quererás saborear outros beizos que non sexan os seus.
Sei que agora mesmo tes medo, e só de pensalo sentes auténtico pánico… Pero no momento en que te decates de que os teus pés xa non están no chan, e que estás voando entre nubes de algodón de azucre, algo cambiará no teu interior.
E si. Nese momento decataraste de que chegou, e desexarás que nunca marche. A verdade, e que todos necesitamos alguén que nos deixe as súas ás de cando en vez.

xoves, 16 de xuño de 2016

NUNCA PODEREMOS CONXUGAR "AMAR" EN PRESENTE



Busqueite en cada recuncho do noso meu cuarto, entre as páxinas dos libros de poesía que escribía para ti, e entre os pétalos de todas esas flores que nunca me chegaron por San Valentín.
Pero só atopei a certeza de que perdemos os nosos días moito antes de poder saborear este doce de chocolate negro ao que decidiron chamarlle mundo.
Ese mundo que intentamos cambiar pintando o ceo de soños, e enchendo as nubes de bicos. Agora todo é un gran ruído entre os nosos silencios.
Eses que enchían as sabas brancas de algo que non se podía describir con vocábulos. Creamos a nosa propia lingua particular, pero suspendemos o primeiro exame, e deixámola morrera.
Nestes días, as rúas están valeiras: cheas de xente sen soños, todos iguais, que andan polo mundo en busca dunha historia que lle cambie a vida. Pero eu só tento atopar os teus ollos.
E ao pasar polo banco no que observábamos carreiras de avións veloces, e as formas das nubes, vexo miles de estrelas que buscan a novos namorados.
Pero o peor non é saber que todo rematou e que non volverás nunca, que a nosa historia rematou para deixarlle espazo as seguintes…
O peor é pensar que, como lin nalgún libro, nunca poderemos conxugar “amar” en presente.