xoves, 28 de xaneiro de 2016

NON SEREI A TÚA PRINCESA



Non serei a túa princesa. Non serei a que espere un bico teu para volver á vida. Non serei a rapaza á que lle sirva ese zapato de cristal que tanto che gusta. Non serei a que teñas que rescatar dun dragón con todas as cores do arco da vella. Non serei a que espere no castelo, organizando un baile de benvida para cando volvas da guerra. Non serei a persoa coa que bailes un vals na noite de vodas.
Serei a túa tolemia. O teu punto débil. A que xogue as agachadas co que, algún día, foi o teu corazón. Serei a voz insoportable de cada mañá, e os beizos máis doces de cada noite. Serei a que che de mil bicos para que espertes do teu soño. A que leve Converses a todos os convites. A que matará mil dragóns vermellos por ti. A que te acompañe en cada loita e cada guerra que comeces. Serei á que leves a un concerto de Love of Lesbian, a mesma que saltará con todos os demais fanáticos de Jonh Boy. A que cante Wish you where here a carón dos teus oídos. Serei coa que vaias de acampada a un hotel de cinco mil millóns de estrelas. Serei coa que compartas esta desordenada vida.

sábado, 23 de xaneiro de 2016

QUERIDA ALMA CAÓTICA



Unha alma perdida. Unha alma que non berraba por non espertar á soidade que se aferrara a ese corpo. Ese corpo que habitaba desde que o reloxo de area comezara a diminuír, pouco a pouco. Esa alma á que todos coñecían por una etiqueta estúpida, algo que a diferenciaba das demais. Unha alma caótica, que buscaba a felicidade en crear.
Unha alma que creaba para vivir, para respirar. Esa que todos tachaban por “tola”, esa que pasaba as mañás debuxando nos cadernos de álxebra, a que escribía historias de amor entre problemas de xenética, a que falaba soa para non lembrar que ninguén a acompañaba.
Unha alma que vagaba polo mundo sen ningunha meta, sen regras que seguir… esa que resistía a cruel vida dentro doutro mundo, ese no que era libre, onde sen regras nin límites podía chegar a atopar a estabilidade.
Unha alma que tras anos vivindo na escuridade, decidiu saír, desprender as súas ás negras e comezar a voar.  

mércores, 20 de xaneiro de 2016

PERDER A CABEZA NA LÚA



Soñar coa praia, con amenceres dourados, con camiñar baixo o Sol e correr sobre a Lúa… Con perderme cada noite nos teus beizos…
Soñar con nós… Deixar de ser túa, esquecer que es meu… Ser os dous…
Soñar con libros de xeografía que so falen dos mares dos teus ollos… E nadar neles…
Soñar con mapas, nos que o único camiño me leve a ti… que nos leve a nós…
Soñar que solo existimos nos, que o resto do mundo segue xirando sen decatarse de que o único importante, é ser feliz…
Soñar… Iso é o que fago… soñar con esa vida que todos e todas quixemos ter… esas vidas que unicamente aparecen en novelas propias dun tolo que perdeu a cabeza por amor…
Un tolo que perdeu a cabeza na Lúa…