martes, 2 de febreiro de 2016

PINTAR SEN CORES

Imaxinar un mundo de cores nesta dimensión que continúa na escala de grises. E pintar, pintar todos aqueles soños que, cada noite, nos manteñen con vida.
Pintar a túa espalda, con todas esas pecas que brillan no universo. O perfil do teu corpo, cunha liña grosa e negra, que ao chegar ao teu pescozo se mesture cos trazos dos teus cabelos vermellos. E pintarme a min, recorrendo co meu dedo corazón todos os teus pecados.
Pintar un amencer dourado. Ti e eu, na praia, sentindo coma as ondas do mar empapan a nosa roupa. O meu vestido branco salpicado da area que contempla o noso amor. A túa camiseta pegada ao corpo, marcando os meus soños.
Pintarnos a carón do río, mentres a túa cadela nos rodea coa súa correa. E pintar como nos tira a auga: primeiro ti, e logo eu. E que a miña saia de flores, esa que merquei para a ocasión, se converta nunha tela de barro. Pero da o mesmo. Este cadro continua a ser perfecto.

Pintarnos a carón da cheminea da casa de meus país. Vendo a peor película da historia, na mellor compañía posible. Cada un coa súa cunca de chocolate quente, para combater o frío de primeiros de xaneiro. Comeza a sonar a nosa canción, a mesma que puidemos oír o día que nos coñecemos. E os dous, coma parvos namorados, miramos os rastros de chocolate que aparecen nos nosos narices.

Ningún comentario:

Publicar un comentario