luns, 30 de maio de 2016

ENTRE VERSOS DE AMORODO

Aquela era a mellor cafetería da cidade, unha mestura entre a literatura, o recendente aroma do café, e o sabor do té de froitos silvestres. Como cada xoves, os camareiros servían a consumición cun pequeno prato de amorodos.
Cando o camareiro do pelo longo me viu entrar no establecemento, comezou a preparar o meu té habitual, non fixo falta que lle recordara todas as miñas manías.
Xa estaba sentada nas cadeiras da parte de atrás, cando me serviu a consumición e as fresas. Sorriu e marchou, sen interromper o peculiar ambiente do lugar. E mentres observaba os lombos dos libros que cubrían as paredes, gozaba dos amorodos. Aqueles que perderan o seu doce sabor, pero que formaban parte do meu lugar.

E mentres os meus ollos bailaban polo establecemento ao son da música, apareciches ti. Un home duns 19 anos, que tempo antes encaixaría no estilo hipster.
Tras observarte mentres a bebida quente descendía pola miña gorxa e mollaba os meus beizos, observaba a maneira na que pasabas as follas daquel libro. Pola cuberta deseguida o coñecín: Mujeres, de Charles Bukowski.
O meu poemario favorito, aquel que non me cansaba de ler. Eran demasiadas coincidencias, mesmo parecía que noutra vida foramos un mesmo ser. E comecei a imaxinar que te acercabas para prometerme un futuro xuntos, un romance que calquera escritor se pelexaría por relatar.
E mentres tomaba amorodos ácidos, creei a nosa propia historia. E cheguei a pensar que era real, e que pasaría. O meu corazón xa voara.
Levanteime e achegueime para falarche. Tiña que dar o paso.
Pero nese momento chegou ela, a túa Xulieta, e os dous fundístesvos nun bico de película.
Paguei e saín do establecemento, esquecendo todo que podería pasar, e nunca pasou. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario