luns, 23 de maio de 2016

ESTRELA DE PRATA

Lembras aquel día no que conseguimos saltar tan alto? Aquel día no que podíamos tocar as estrelas coa punta dos nosos dedos? Lembras como Ela baixou para arder con nós?
Aqueles instantes nos que se enredaba entre o meu cabelo, e ti intentabas collela para min… Pero nunca puidemos capturala, foi Ela quen nos elixiu a nós.
E os paseos polo parque, collidos da cintura, baixo o brillo constante dunha perfecta esfera de lume que se consumía sobre nós. As miradas dos nenos e nenas, a ilusión nos seus ollos ao ver a unha de tantas irmás da noite.
E a ilusión tamén residía nos beixos. Luces que aparecían baixo terra ao contacto dos nosos beizos. E como nos despegábamos do chan cada vez que os nosos dedos se cruzaban. Ese particular xeito de crear incendios coas nosas miradas.

Tantas noites xuntos, abrazados. O meu pelo nas túas pestanas. Os teus dedos no meu ventre, debuxando círculos ao redor do meu embigo. Os dous baixo esa estrela que se alimentaba do noso amor para brillar.
Pero co tempo, os dous esquecemos a maneira de ilumínalo todo. Esquecemos o xeito de amar, a maneira de dicir ao oído do outro as ganas que tiñamos de consumirnos.
E tamén a esquecemos a Ela. Esquecemos alimentala cada día. E non tivemos o valor de dicirlle que buscara a outros astros aos que acompañar durante a viaxe.
E agora, a nosa pequena estrela de prata deixou de brillar para sempre. Quizais estea nun mundo mellor, nun lugar no que o amor sexa obrigatorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario